Friday 03 de May de 2024

O Concello estuda melloras na mobilidade entre o polígono de Pocomaco e a cidade


A alcaldesa, Inés Rey, analizará novas actuacións destinadas a mellorar os accesos ao parque empresarial e permitir a entrada do transporte público a todo o polígono

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou na reunión que mantivo co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco, Ricardo Tormo, que o Concello estudará unha serie de melloras nas infraestruturas do parque empresarial para garantir os servizos, e encamiñadas a permitir a entrada do transporte público en todo o polígono; unha circunstancia que non ocorre na actualidade.

Os representantes da asociación sinalaron que as reformas evitarían o acceso de vehículos privados –o parque recibe a diario unha gran cantidade de tráfico de turismos e tráfico pesado- servirían para mellorar os accesos peonís -falta de beirarrúas- e mesmo farían posible o uso de bicicletas.

A rexedora mostrou a súa conformidade coas demandas da asociación e “ve lóxico e positivo” acabar cos problemas da mobilidade que existen desde hai anos entre a cidade e o polígono industrial. Nesta liña, Inés Rey falou do compromiso do seu goberno de poñer en marcha accións e medidas que beneficien non só aos traballadores das áreas industriais, senón tamén das persoas que se desprazan aos polígonos.

Durante a reunión mantida en María Pita, a alcaldesa explicoulles aos representantes da asociación de empresarios que o plan de mobilidade que está a

elaborar o Concello recollerá de maneira específica as necesidades dos polígonos industriais da cidade.

Por outra banda, os empresarios tamén solicitaron na reunión que o Concello axilice a construción dun vial que una a Terceira Rolda con Punta Langosteira.